Friday 03 de May de 2024

Clasificadas as ofertas das empresas que aspiran a resultr adxudicatarias de dous proxectos de mellora da rede viaria nas parroquias de Lendo e Montemaior


O Concello vén de sacar a licitación outros tres proxectos que suporán un investimento doutros 200.000 euros.

O Concello adxudicará nos próximos días os contratos de execución de dous proxectos de mellora da rede viaria municipal despois de que a Mesa de Contratación clasificase as catorce ofertas -sete por proxecto- que se presentaron durante a licitación.

O que afecta á parroquia de Lendo está valorado en preto de 70.000 euros. Contempla intervencións de mellora da superficie de rodadura en O Canle, Samiráns e O Cruceiro Novo. Neste último lugar tamén se colocará un pavimento diferenciado con adoquín de granito no perímetro do cruceiro para aumentar a súa protección, así como a canalización da rede de recollida de pluviais e a instalación dunha bionda de seguridade.

En Montemaior o proxecto, valorado en máis de 55.000 euros, contempla dúas intervencións diferenciadas. A de maior entidade afecta a O Raño, onde tamén será reforzada a seguridade viaria coa instalación dunha bionda debido ao desnivel existente cos terreos adxacentes. A outra actuación será na estrada que comunica A Baiuca con A Pena.

Licitacións de novos proxectos
Continuando coa mellora da rede viaria municipal, o Concello vén de sacar a licitación outros tres proxectos desas características que suman un importe total próximo aos 200.000 euros.
Na parroquia de Erboedo realizaranse catro intervencións diferenciadas. En Novás será mellorada a rede de pluviais e acondicionados os sobreanchos da calzada. Nos núcleos de A Ferrulleira, San Paio e O Igrexario renovarase a superficie de rodadura e realizarase a correspondente sinalización horizontal.
En Lemaio as obras de mellora do pavimento e da sinalización afectarán aos lugares de A Fontaíña e Proame.

En Golmar intervirase en As Talladas, onde será preciso instalar unha bionda de seguridade e mellorar a rede de pluviais, e tamén na estrada que comunica Groba con Vilar do Boi, xa pertencente á parroquia de Soutullo.

E en Montemaior renovarase o pavimento nas estradas de O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán.